Dende a directiva da ANPA, fixemos unha recopilación de toda a información que vos achegamos estes días con esta especie de Boletín Informativo. Deste modo, teredes a información máis ordenada, esperamos que vos sirva de axuda.
✅Recursos e información útil
Dende o inicio do estado de alarma estivemos colgando recursos útiles para as familias e as súas crianzas co obxectivo de levar o mellor posible o confinamento.
Tedes AQUÍ a ligazón onde poder atopar toda a información.
✅Axudas para familias beneficiarias de bolsas de comedor
O Departamento de Servizos Sociais do Concello de Santiago puxo en en marcha un servizo extraordinario de comedor durante o estado de alarma, co obxectivo de garantir a alimentación das crianzas beneficiadas polas bolsas de comedor na modalidade de escaseza de recursos.
O Concello contactou directamente coas familias usuarias para comunicarlles a posta en funcionamento dun servizo de cáterin.
Os menús cociñados pódense recoller luns e mércores de cada semana, no centro que se teña escollido, entre os seguintes: CEIPs públicos das Fontiñas, Lamas de Abade, Quiroga Palacios, Pío XII ou Apóstolo Santiago.
✅Actividades extraescolares
Debido á situación de incerteza producida polo estado de alarma, suspendéronse momentáneamente os pagos das actividades extraescolares no mes de abril.
Por iso, pedimos que todas aquelas socias que tedes feita a transferencia automática canceledes esta orde nas vosas respectivas entidades bancarias. E as que non a tedes automática, non fagades o pago correspondente ao mes de Abril.
Así mesmo, puxémonos en contacto co departamento de bolsas do concello de Santiago para saber a súa posición ao respecto. A ANPA recibirá do concello só os importes das clases realizadas, é dicir, ate o 13 de marzo; e non volverá a ingresar cartos ate que se reanude a actividade lectiva.
👉Durante o mes de marzo, a decisión da directiva foi a de pagar o mes íntegro aos monitores e monitoras. Este acto nace da idea de ter un xesto de solidariedade coas persoas que prestan este servizo á nosa comunidade cada mes, e xa que as cotas foran desembolsadas íntegramente polas familias e o concello a principios do mesmo.
Unha vez que volvamos á normalidade -agardando que esto sexa o máis cedo posible- veremos cómo compensar eses 15 días de marzo nos que non houbo actividade ás familias que pagastes a cota íntegra.
✅Avaliación do segundo trimestre
Na Conferencia Sectorial de Educación celebrada o 25 de marzo acordouse avaliar o segundo trimestre co traballo desenvolvido ata a interrupción das clases presenciais e modificar os contidos e competencias básicas previstas para o terceiro trimestre.
As calificacións estarán dispoñibles no espazo Abalar, ao que podes acceder neste enlace. Si o prefires, podes descargar a aplicación para o teu móbil aquí
✅Continuidade do curso unha vez se regrese ás aulas
Existe neste momento un cúmulo de declaracións de responsábeis educativas de diferentes administracións (autonómicas e centrais) que están provocando constantes dúbidas entre as familias.
A directiva desta ANPA púxose en contacto coa Federación de ANPAs Compostela para manifestar -entre outras cousas- a súa preocupación porque se decida avanzar co currículo no terceiro trimestre. Consideramos que este feito podería resultar un grave problema, á vez que crear enormes desigualdades entre as familias; ben sexa porque non dispoñen dos medios necesarios, o tempo suficiente ou simplemente non queren facer de mestres neste periodo tan convulso e xa teñen bastante con ser pais e nais, teletraballar e ocuparse das súas crianzas.
Neste sentido, hoxe 31 de marzo, a Confederación de ANPAs Galegas fixo público un escrito que fixo chegar á Consellería de Educación, Universidades e Formación Profesional no que se recollen as achegas que lles fixeron chegar as familias e diferentes ANPAs ben mediante correo electrónico ou a través da enquisa para valorar o seguimento das aulas virtuais.
Neste momento é máis importante que nunca escoitar a vosa voz; con consultas, suxestións ou calquera outra cousa que nos queirades facer chegar a nós, ao cole ou ás diferentes administracións. Estamos dispoñibeis no noso correo electrónico anpa.apostolo@gmail.com