Extraescolares

Velaquí a nova grella de actividades extraescolares para o curso 2024/2025!
 


👀IMPRESCINDIBLE PARA TODAS AS FAMILIAS (INCLUIDAS BOLSEIRAS) O PAGO DA MATRÍCULA DAS EXTRAESCOLARES: 30 EUROS POR FAMILIA, para cubrir os gastos de xestión administrativa e o seguro das actividades. As familias socias da ANPA teñen cuberta esta matrícula coa cota anual de inscrición á ANPA 30€ 😉, que se é necesario pode ser feita en dous pagamentos.

O custe das actividades é de 15 euros cada unha.

Acceso ao FORMULARIO ONLINE: https://forms.gle/LAdF4qdNk9K8P5Dt8

 

 

 

COMO INSCRIBIRSE?

 

1.- Cubrir o formulario de inscrición e depositalo na caixa de correo da Anpa (na entrada principal do cole), ou cubre o formulario online: https://forms.gle/LAdF4qdNk9K8P5Dt8

 

2. O prazo de inscrición preferente é do 16 ao 20 de setembro. As/os inscritas/os despois desta data optarán ás prazas vacantes.

3. O 25 de setembro publicarase a listaxe de admitidos no taboleiro da ANPA.

4. Para que a matrícula sexa efectiva deberá realizarse o pagamento da matrícula e o mes de outubro no seguinte prazo: 25 de setembro - 1 de outubro.

5. O alumnado do Apóstolo Santiago ten prioridade.

6. As actividades teñen límite de prazas: respectarase a orde de inscrición ás actividades.


COMO PAGAR?

O pagamento das actividades será abonado na primeira semana do mes en curso, por transferencia bancaria na conta de La Caixa ES68 0133 6197 4642 0000 1353.

Nas transferencias indicarase no concepto "nome/s da/s participante/s + mes” (excepto nas transferencias periódicas, en que non é necesario especificar o mes).

Por favor, é importante pagar nos cinco primeiros días do mes.

As adultas nas actividades en familia pagan o mesmo importe que as crianzas.

 

IMPORTANTE: informar ao monitorado das casuísticas que as familias consideredes importantes de cada neno/a (alerxias, enfermidades, etc…).

As actividades darán comezo o 1 de outubro!

Podes contactar connosco a través do correo extraescolaresanpaapostolo@gmail.com.

DESCRICIÓN DAS ACTIVIDADES EXTRAESCOLARES

CIRCO (Jano Costas) Circo, palabra máxica transgresora da realidade que nos achega ao sorriso, á fantasía, á ilusión, ao milagre, ao voo... espazo e tempo onde o imposible faise visible afastándonos da monotonía, do tempo regulado, da lóxica, da forza da gravidade, do cotián. A suxestión e o atractivo do circo residen na subversión física que permite realizar da realidade: desprazamentos inhabituais sobre as mans (figuras acrobáticas), suxeición a superficies dinámicas, aéreas (trapecio fixo ou volante), redución da superficie de apoio á mínima expresión (cable, funambulismo), ampliación da funcionalidade dalgunhas partes do corpo coma os pés, que habitualmente permiten andar e desprazarnos, ao convertelos en protagonistas de xogos.

ARTE (Juan Pablo Venditti) As crianzas ao longo do curso traballarán diferentes técnicas e materiais de debuxo e pintura, desenvolvendo a súa creatividade, e a súa maneira de plasmar as súas ideas. A actividade extraescolar arte caracterízase polo seu valor creativo e pola liberdade de acción que adquire o individuo na práctica habitual desta extraescolar, axuda a desenvolver a creatividade, o recoñecemento de formas e patróns, o desenvolvemento motriz, desenvolver unha visión espacial e a aprender a diferenciar tons cromáticos, así como a asociar e diferenciar formas.

CAPOEIRA (Ana Varela) O Método Brincadeira de Angola ten o obxectivo de desenvolver potencialidades físicas, musicais, sociais e culturais, a través de actividades lúdicas, contribuíndo na formación de crianzas cooperativas, autónomas e conscientes. A metodoloxía é sólida e continuamente mellorada, aliando coñecementos científicos e saberes populares para formar unha verdadeira Pedagoxía de Capoeira-Educación. Este ano como novidade, Capoeira en familia permite compartir esta experiencia lúdica, enérxica e interactiva creando novos vínculos.

BAILE GALEGO (Claudia Fidalgo) Aulas de introdución á música e ao baile tradicional galego, cun formato lúdico e ameno. Traballando sempre a través do xogo, búscase fomentar o desenvolvemento corporal e a psicomotricidade, a coordinación, o ritmo e a improvisación. Todo iso, atravesado por principios de igualdade e de desenvolvemento grupal, provomendo as habilidades sociais, a empatía, a colaboración, a solidariedade, a resolución de conflictos e o crecemento social das crianzas. Aprenderanse as diferentes partes do baile tradicional e os seus elementos básicos, sempre acompañado de moita música.

MULTIXOGO (Chafarís: Cristina Neira e Kiko Cociña) Unha actividade lúdica arredor dos xogos de mesa. Xogando trataremos de resolver estraños casos, retos e desafíos, ou viaxar a mundos fantásticos. Diferentes xogos de mesa lúdico-educativos, orientados a estimular destrezas como a atención, lecto-escritura, cálculo, concentración. Aprenderemos tamén a respetar a ecoloxía, a diversidade, a inclusión ou a igualdade de xénero. A través do xogo non só nos divertimos tamén potenciamos as relacións sociais extra-tecnolóxicas, propiciamos un lugar de encontro entre nenos e nenas, respectamos e facémonos respectar, valoramos e recoñecemos os logros propios e alleos e fortalecemos as funcións executivas. Esta actividade permite a inscrición por sesións soltas (5 euros cada unha) co gallo de favorecer a conciliación: poderá contratarse por días soltos avisando antes das 20.00 horas do día anterior, no caso de que haxa prazas dispoñibles (no teléfono: 981069422).

NATACIÓN (Piscina da USC). Todo o alumnado debe ter un mínimo de 6 anos ou facelos no 2023. Ten un prezo cuadrimestral de 60 euros (outubro-xaneiro e febreiro-maio). A Área de Deportes da USC esixe un rexistro online e a realización obrigatoria da tarxeta universitaria identificativa, así como a presentación do DNI das/os usuarias/os. HAI QUE LEVALOS/AS E RECOLLELOS/AS NA PISCINA UNIVERSITARIA.

BALONCESTO (ADB Fontiñas) A actividade de baloncesto está orientada a que a rapazada o pase ben e que aprenda baloncesto. Trátase de fomentar a aprendizaxe a partir de xogos e actividades non competitivas, baseada na educación en valores. Trátase dun adestramento semanal dunha hora, con grupos divididos por idade e con persoas tituladas como adestradoras de baloncesto. Ademais, de xeito optativo, a rapazada que queira poderá tamén xogar partidos nas fins de semana na liga de Santiago.

CANTO E PANDEIRETA (Xía Sar) A través do canto e da pandeireta achegarémonos ao noso patrimonio cultural dun xeito divertido e participativo. A actividade estará dirixida por Xía Sar, profesora de pandeireta e estudante de filoloxía galega, con ampla experiencia traballando con nenos e nenas. Nesta actividade, a rapazada gozará aprendendo a cantar e tocar, ao tempo que descobren as nosas tradicións musicais.

HÓCKEY PATÍNS (Ainhoa García, Hóckey Club Raxoi) O hóckey patíns é un deporte moi dinámico e completo onde os nenos e as nenas desenvolven unha grande coordinación e equilibrio. Procuramos que aprendan a patinar e aos poucos se inicien no noso deporte dun xeito ameno, fomentando a cooperación e o compañeirismo. Entre os obxectivos que pretendemos, se atopan a formación en valores, espírito de superación e o respecto, entendendo que a práctica do deporte xera sinerxías positivas nestes aspectos.

PATINAXE (Club Patín Oroso, Alexandre Antelo) Neste curso procuraremos que as nenas e nenos fagan unha iniciación á patinaxe artística. Aprender os desprazamentos en patinaxe, tanto para diante como para atrás, saltos, piruetas, e as figuras básicas de patinaxe artístico. A metodoloxía busca a aprendizaxe mediante o xogo.

HORTA (Hortaclown: Xulio Morales). Dous permacultores ilusionados poñen a atención na saúde das plantas para mellorar a relación coa natureza. Traballar nas hortas da escola, cultivar alimentos, labranza, cultivo de microorganismos, sementeiras, bombas de sementes “Nendo Dango”, asociación de cultivos, compostaxe… Transmitindo todo isto dun xeito ameno e divertido, aplicando diversas metodoloxías coma o clown ou a meditación.

XADREZ (Dan Cruz Álvarez de Ron) Este xogo fomenta o desenvolvemento das habilidades cognitivas (atención, concentración, memoria). Iniciación para rapazas/ces que se acheguen por primeira vez. Perfeccionamiento para quen coñeza o xogo. Ofrecerase a posibilidade de participación do colexio no campionato escolar comarcal no mes de marzo/abril.

BAILE MODERNO (Luisa Fernanda García Lago) Nova actividade que consiste en clases de danza moderna” por denominalas dalgunha forma, sen especificar ningún estilo concreto, xa que o método de traballo céntrase en cada semana traballar material diferente (tanto a nivel físico, a nivel de desenvolvemento de movemento, parte coreográfica, etc.) seguindo unha liña para que o alumnado vexa a súa evolución. Desenvolverase o ensino de diferentes pasos de baile propios do estilo en concreto que se vaia impartir esa semana e finalmente poñeranse en práctica estes pasos integrándoos cada semana en diferentes coreografías.

APRENDER MELLOR (Victoria S. Piseghelli) Un espacio que lles permitirá as crianzas mellorar a súa memoria e concentración, aprender con facilidade novas materias, desenvolver habilidades de estudo e organización, medrar a confianza e autoestima… Divertirse mentres aprenden.

VOLEI (Carlos, Club Voleibol Santiago) Iniciación ao deporte do voleibol a través de sesións dunha hora semanal nas que aprenderemos as principais bases técnicas do deporte (toque de dedos, antebrazos, saque, remate, bloqueo…) así como os aspectos máis sinxelos do xogo. O obxectivo principal será conseguir aprender a divertirnos xogando ao volei a través dos valores do deporte, así como axudar a aqueles que busquen mellorar o seu nivel no mesmo ou que busquen pasar a practicalo de forma federada nun futuro.

IOGA (Energía Zen) O Ioga para Nen@s é unha adaptación lúdica do ioga tradicional, deseñada especificamente para os máis pequenos. Combina posturas, respiración e relaxación dunha forma divertida e accesible. Esta práctica está a gañar popularidade en escolas e centros deportivos debido aos seus numerosos beneficios. Mellora a flexibilidade, forza e coordinación, á vez que desenvolve habilidades como a concentración e a confianza. Ademáis, fomenta a creatividade, reduce o estrés infantil, mellora a postura e favorece un sono máis reparador.

BREAK DANCE: De unha maneira divertida, fomentamos o desenvolvemento de diversas habilidades: non só capacidades físicas como a forza e a flexibilidade, senón tamén habilidades psicomotrices, musicais e expresivas. Ensinaranse os pasos de baile fundamentais do break dance, e o dominio de acrobacias como pinos, volteretas, xiros, equilibrios... e moito máis! Creamos un ambiente de respecto e seguridade, onde cada alumna/o pode explorar e expresar a súa personalidade a través do movemento. Apúntate a facer unha clase de proba con nós!




Se queres facer algunha proposta de actividade extraescolar ou calquera suxestión, envíanos un correo electrónico a
extraescolaresanpaapostolo@gmail.com




As actividades extraescolares do CEIP Apóstolo Santiago están organizadas pola Asociación de Nais e Pais do centro. Esta autoxestión nos permite axustar a oferta ás demandas e intereses da nosa comunidade educativa, así como garantizar na medida do posible unhas aceptables condicións laborais para o monitorado

As diferentes propostas botarán a andar como en anos anteriores o 1 de outubro de 2021, e rematarán a mediados do mes de xuño de 2022

As extraescolares están dirixidas á totalidade de alumnado de Infantil e Primaria, agás Natación, que é para maiores de 6 anos

O horario de todas elas é de 16.30 a 17.30
Pode existir a posibilidade de crear grupos de 17,30h a 18,30h en función do número de inscricións.

IMPORTANTE‼️ recalcar que todo o referente ás actividades extraescolares quedará supeditado á evolución de pandemia e o que diten as autoridades sanitarias no momento das súa execución

CALENDARIO PROVISIONAL DE ACTIVIDADES EXTRAESCOLARES PARA O CURSO 2021-2022

Explicamos a continuación, unha serie de cuestións importantes relativas ás ACTIVIDADES EXTRAESCOLARES para o CURSO 2021/2022 e que foron aprobadas na última asemblea de curso celebrada o 1 de xuño do 2021. 

Consentimento informado 
A vontade da directiva da ANPA é a de xestionar as actividades extraescolares para este curso 2021/2022, mais pode que se nos esixan unha serie de responsabilidades polo tema da pandemia. É por este motivo, que pedimos a colaboración das familias mediante a sinatura dun consentimento informado ou documento similar. Este documento estará listo para asinar cando se formalicen a matrículas. 





INFORMACIÓN XERAL
  • Todas as actividades terán un custo de 15€/mes, agás APARAFUSA E MAXINA (FermiON-LAB) que terá un incremento de 10€/trimestre debido a custos de material
  • Recordarvos tamén que os certificados de inscrición en cada actividade serán entregados a principio de curso, no momento de formalizar a matrícula
  • As familias que solicitáchedes abolsa do Concello poderedes adxuntar o certificado nese momento, non hai problema! Agora preséntase a solicitude e en setembro pódese engadir o certificado

 A  TER EN CONTA! 
  • Todas as actividades teñen unha matrícula de 20, as familias socias da ANPA teñen cuberta esta matrícula coa cuota anual de asociadas(20€)
  • O pago das actividades será abonado na primeira semana do mes en curso por transferencia bancaria La Caixa ES68 0133 6197 4642 0000 1353 indicando "actividade, mes e nome do cativo ou cativa que a realiza"
  • Para poder realizar as actividades precísase un mínimo 10-15 de participantes, que debe manterse ao longo do curso para que se desenvolvan as actividades
  • Na primeira semana de Outubro todas as actividades teñen a primeira sesión como proba, para aquelas que se anotan e non están totalmente convencidas.
  • Para solicitar a baixa dunha actividade é obrigatorio comunicalo na primeira semana do mes en curso, para non abonar o importe mensual da mesma. En caso de non comunicalo o pago da mensualidade debe abonarse integramente.
  • A matricula/cuota de socios e socias nas actividades extraescolares, cubre os gastos de xestión administrativa das mesmas, así como o seguro das actividades
BREVE DESCRICIÓN DAS ACTIVIDADES 
TEATRO (Talía Teatro) O teatro como ferramenta para educar en valores, amosándolle ás crianzas novos puntos de vista sobre os demais e sobre o mundo. Un ano máis, imparte a actividade Talía Teatro. Desenvolveranse a expresión verbal e corporal mediante o xogo. De haber suficiente alumnado, formaranse dous grupos. 

XOGOS DE MESA (Cahfarís) Unha actividade para coñecer diferentes xogos de mesa lúdico-educativos, orientados a estimular destrezas como a atención, lecto-escritura, cálculo, concentración.. pero todo elo sen deixar a un lado a diversión! Unha actividade a cargo de dous expertos nesta materia: Cristina Neira e Kiko Cociña, da tenda Chafarís. 

NATACIÓN (Piscina da USC) HAI QUE LEVALOS E RECOLLELOS NA PISCINA UNIVERSITARIA. Todo o alumnado debe ter un mínimo de 6 anos ou cumprilos no 2021. Ten un prezo cuadrimestral de 60 euros (outubroxaneiro e despois febreiro-maio). A Área de Deportes da USC esixe un rexistro online e a realización obrigatoria da tarxeta universitaria identificativa, así como a presentación do DNI das/os usuarias/os. Infórmate 

BALONCESTO (Adrián Dios) Outra actividade deportiva no pavillón, estará a cargo de Adrián Dios, da Agrupación Deportiva de Baloncesto Fontiñas. Adrián é adestrador titulado de 1º nivel con 14 anos de experiencia. En caso de haber suficiente alumnado formaranse dous grupos de idade. 

CANTO E PANDEIRETA (Jara Ortiz) A través do canto e da pandeireta achegarémonos ao noso patrimonio cultural, por suposto, pasándoo ben. A profesora será Jara Ortiz, música, cantareira e docente de ampla traxectoria na música tradicional, en formacións como Habelas Hainas. 

ESPAZO E VOLUME (Ana Vidal) A proposta que nos fai Ana Vidal está fundamentalmente relacionada co campo das artes plásticas, aínda que é moi eficaz para a comprensión de moitas outras disciplinas como matemáticas, física, historia, tecnoloxía... (Actividade para crianzas a partir de 6 anos). 

APARAFUSA E MAXINA (FermiON-Lab) Preséntase como unha oportunidade de desfrutar da ciencia e a robótica e medrar como investigadrxs. 

BAILE GALEGO (Claudia Fidalgo) Iníciate no baile tradicional galego da man de Claudia Fidalgo con ampla formación e longa experiencia dando clase a crianzas de todas as idades. 

HOQUEI PATÍNS e PATINAXE O vindeiro curso, estas actividades estarán impartidas polo C.D. Patín Berenguela. A actividade é aberta a todas as crianzas, saiban ou non patinar. Poden traer calquera tipo de patíns, ben sexan en liña ou patín tradicional (o monitorado recomenda o patín tradicional de dúas rodas en paralelo). Se algunha crianza necesita patíns, póndellos prestar no club. Para poder facelo, terían que comunicar o número de pé. O club encárgase de levar todo o necesario para as actividades. No que corresponde a hóquei o stick; e para a práctica do patinaxe: bolas, conos, etc. Recomendable traer elementos de protección para os pulsos, para os xeonllos non é obrigatorio. Non se recomenda casco, pero se o traen non poñen problema. 

TENIS DE MESA (club ARTEAL) O tenis de mesa é considerado un deporte popular, inclusivo e que potencia a concentración e a actividade física. Por outra banda, é considerado de baixo risco no contexto actual (COVID19). A recomendación para practicar pin-pon sería idade mínima de 6-7 anos. Grupo mínimo 6- 8 crianzas. 

ATLETISMO (Amador Pena) Propóñennos a actividade "Preatletismo”, enfocada a crianzas en idade escolar, a idade ideal para comezar a descubrir e desfrutar deste magnífico deporte con todos os seus beneficios. Método de traballo: Traballo con grupos reducidos, para unha mellor atención e transmisión de coñecementos (ratio máximo de 20) Programación a longo prazo, prevalecendo a planificación da vida deportiva, vaia ou non a continuar con nós ou practicando o atletismo, antes que a planificación a curto prazo. Multidisciplinariedade, amosando todas e cada unha das modalidades das que consta o atletismo, independentemente das súas preferencias ou disciplinas con maiores logros Traballo lúdico. O xogo é a mellor maneira non só de aprender, senón de lograr hábitos motrices e adherencia ás actividades deportivas. Participación. Invitamos e facilitamos, sempre que así o desexen, a participar en diferentes probas atléticas organizadas dentro da Delegación de Atletismo de Santiago Polivalencia. Esta participación, sempre que a proba o permita, será pluridisciplinar, é dicir, en probas atléticas de distintas características, para promover a formación e experimentación en distintas modalidades.






Se queres facer alguna proposta de actividad extraescolar ou calquera suxestión envíanos un correo electrónico a
 extraescolaresanpaapostolo@gmail.com