xoves, 6 de marzo de 2025

PROCESO DE CAMBIO DE NOME DO CEIP APÓSTOLO SANTIAGO

Na asemblea da ANPA do 19/02/25 aprobouse abrir un proceso de debate para cambiar o nome do noso centro. Segundo o acordado, deuse de prazo até o 1 de marzo para recoller propostas de nomes, e a súa argumentación, e, a continuación, poñer en común esta información de cara á asemblea extraordinaria que se celebrará o 19/03/25.

Así mesmo, co obxectivo de clarexar da mellor maneira o proceso de votación, compartimos convosco algunhas cuestións operativas:

·        Sobre a orde do día: a asemblea comezará coa presentación das propostas para o nome do centro. Darase lectura aos resumos de cada proposta e, acto seguido, procederase a votar cada unha das opcións. Finalizada a votación e feito o reconto, abrirase un debate en aberto sobre como proceder cos resultados. Cómpre lembrar aquí que, segundo o falado na asemblea do 19/02, sexa cal sexa o resultado da votación, a súa implementación dependerá do grao de apoio; se este non é significativo, é dicir, a votación resulta moi axustada, haberá que repensar o que se queira facer.

·        Sobre o proceso de votación: a votación realizarase en furna e, no momento en que se realice, introduciranse os votos delegados que sexan achegados polas persoas presentes. Na votación só poderán exercer o seu voto as familias/persoas socias da ANPA, posto que é o que  establecen os nosos estatutos. Cómpre insistir en que este é o comezo dun proceso de cambio de nome (hai un camiño longo por diante...); estamos votando cal será a proposta que a ANPA leve ao Consello Escolar.

·        Sobre a delegación do voto: anexamos o modelo que poderá descargarse e cubrir por aquelas familias/persoas que non poidan asistir.

DESCARGA A DELEGACIÓN DE VOTO

 

PROPOSTAS PARA O NOME DO CEIP APÓSTOLO SANTIAGO:

1.      CEIP DA ALMÁCIGA-LUZ FANDIÑO

Por que cambiarlle o nome ao CEIP Apóstolo Santiago?

O nome dun colexio debe reflectir a súa identidade e a súa relación coa contorna. "Apóstolo Santiago" é unha denominación amplamente presente en Compostela, ligada á súa historia e patrimonio. Con todo, o noso centro ten unha identidade propia, vinculada á comunidade educativa e ao barrio. Cambiar o nome é unha oportunidade para destacar esa singularidade e reforzar a conexión co seu contexto próximo, en coherencia co proxecto educativo.

Por que CEIP da Almáciga - Luz Fandiño? A nosa proposta recolle dous piares fundamentais:

1.           Almáciga: Un topónimo único en Galicia, que fai referencia á nosa contorna. Significa "depósito de auga" ou "lugar onde medran as sementes", unha fermosa metáfora do noso colexio como espazo de crecemento e aprendizaxe.

2.           Luz Fandiño: Poeta compostelá e defensora da educación, a igualdade e a lingua galega. A súa historia de superación e compromiso social fai dela un referente feminimo inspirador para o noso alumnado.

Este nome enraíza o colexio no territorio e proxéctao cara ao futuro cunha identidade forte e representativa. CEIP da Almáciga - Luz Fandiño significa darlle ao noso colexio un nome que reflicta a súa esencia, que poña en valor o seu papel como espazo de crecemento e que ofreza referentes próximos, inspiradores e coherentes cos valores que queremos transmitir.

Accede aquí á versión completa da proposta

 

2.      CEIP ALMÁCIGA

       Esta proposta de cambio de nome pretende substituír o contido relixioso do nome actual, que como imaxinario colectivo transfire uns valores concretos, por outros valores máis universais:

 

·        Simbolismo do nome: unha das acepcións de almáciga é "lugar no que sementar vexetais que se transplantarán", o que garda certo simbolismo co valor educativo da escola, un lugar no que medrar e nutrirse (según a RAE).

·        Preservación da microtoponimia: o nome Almáciga pon en valor un microtopónimo como patrimonio cultural inmaterial xa que é unha das poucas palabras de orixe árabe que perviven na lingua galega dando nome ademais ao monte e barrio no que se atopa o colexio.

·        Vinculación co territorio e a historia local: remite ao episodio da Batalla da Almáciga, o enfrontamento final da última Guerra Irmandiña que levou á vitoria ao grupo encabezado por Fonseca.

·        O nome Almáciga ten potencialidade para aglutinar diferentes sensibilidades e posúe un carácter inclusivo.

 

3.      CEIP APÓSTOLO SANTIAGO

Durante 70 anos, o CEIP Apóstolo Santiago foi un referente educativo para moitas xeracións, especialmente no barrio da Almáciga, co que mantén un forte vencello afectivo. O cambio de nome podería xerar malestar entre a veciñanza e o antigo alumnado, xa que este centro forma parte da identidade do barrio. Para moitas persoas, o Apóstolo Santiago non é só un nome, senón un recordo da súa infancia e da súa comunidade. Modificalo significaría ignorar ese "mapa emocional" que une o centro educativo coa historia e os sentimentos de quen pasou por el. A cidade de Santiago está estreitamente ligada ao Apóstolo, tanto no seu nome como no seu desenvolvemento histórico, relixioso e cultural. Gústenos ou non, a súa figura foi clave para situar Compostela ao mesmo nivel que cidades como Roma ou Xerusalén dende a Idade Media. Ademais, o Camiño de Santiago tivo un impacto cultural e económico fundamental para Galiza e Europa. Cambiar o nome do colexio podería minimizar esta conexión con esa historia e legado. Se se aplica este criterio, moitos espazos da nosa cidade con orixe relixiosa deberían reconsiderarse.

+ Info 

 

4.      CEIP ANTONIA SAAVEDRA

Antonia Saavedra foi unha relixiosa que dirixiu a Casa Hospicio. Sempre vinculada á obra de San Vicente de Paul, dedicou a fortuna familiar a axudar ás persoas con menos recursos, especialmente á iinfancia. Ademais de diversas iniciativas (atención a enfermos e soldados feridos, organización de comidas en colaboración coa Cociña Económica, etc.) unha das súas accións máis destacadas é a creación das Clases Maternales en 1902, situadas en San Domingo de Bonaval, e dedicadas á educación das nais e o coidados das crianzas das clases traballadoras. Tamén creou un premio anual ao mellor alumnado do Hospicio. Grazas ao seu traballo, algunhas das crianzas chegaron a facer carreira universitaria (maxisterio, comercio, teoloxía...). En xullo de 1902 o Concello de Santiago la recoñeceuna como filla adoptiva da cidade. Á súa morte, o  Concello dedicoulle un busto no exconvento de Bonaval. Houbo un intento de lle pór o seu nome á rúa da Costa de San Domingo mais foi frustrado. Recoñecer a súa achega pola educación das nenas e nenos de Santiago, e en concreto a súa actividade no noso barrio, sería unha maneira de enxalzar unha figura que realizou notables contribucións á educación e no entanto quedou no esquecemento.

5.      CEIP CONCEPCIÓN ARMADA

Foi unha muller da alta sociedade compostelá que dedicou a súa vida aos servizos sociais. Foi a primeira presidenta da Sección de Damas da Cruz Vermella, a sección baixo a cal as mulleres podían promover e participar de pleno dereito nesta entidade. Foi unha das impulsoras da Escola de Enfermaría en Santiago, a primeira que se creou en Galicia. Isto supuxo un avance para as mulleres, que puideron así acceder a unha formación médica. Ademais da creación dun grupo de atención á infancia e a mocidade, unha cociña de continxencia durante a epidemia gripal, o aguinaldo do soldado, etc., cedeu o seu domicilio como sede oficiosa para esta entidade, primeiro en Carreira do Conde e despois no Toural. Cando faleceu, dispuxo que a súa fortuna se repartise entre a súa filla adoptiva e as persoas que máis o necesitaban na cidade.

6.      CEIP ROSA DE CORCOESTRO

Rosa era unha muller pobre, pero transgresora e loitadora. Tivo dúas fillas co home que ela quixo, sen casar. Rosa era unha boa coñecedora das herbas e dos seus poderes curativos e sanadores. Exercía labores de curandeira e chegou a rexentar un pequeno balneario á beira da Regueira. Alí aproveitaba as augas ferruxinosas do rego de Sta. Margarida de Baneira, especialmente eficaces para paliar estados carenciais e doenzas hepáticas. Pero tamén había á beira da casa na que vivía, unha fonte de augas sulfurosas para doenzas reumáticas moi típicas na época, onde as persoas adiñeiradas como Pondal ían tomar baños de asento. Chegou a rexentar incluso unha pequena taberna. Rosa era en definitiva unha transgresora, unha muller feminista e emprendedora.