Prezadas familias,
Co gallo da votación que se celebrará este xoves no pleno municipal, en relación ao cambio do nome do noso centro, produciuse un considerable ruído mediático e, sobre todo, en redes sociais, pouco amable, por dicilo dalgún xeito...
Nun primeiro momento, desde a directiva da anpa e a comisión de cambio de nome, decidiuse non facer declaracións e remitir ás persoas interesadas ao documento explicativo que está colgado no noso blog.
Porén, como a cousa segue in crescendo, parécenos acaído enviar esta breve nota ás familias do centro. Cabe salientar que a proposta foi aprobada por unanimidade no Consello Escolar o 4 de decembro de 2025.
Como ben sabedes, a nosa ANPA ten unha dilatada traxectoria reivindicativa, da que estamos ben orgullosas. Son moitas as familias que teñen participado activamente nas últimas décadas para o que o cole seguira aberto, para recuperar o conxunto do edificio, para mellorar as instalacións, para ter ratios razonables, para poñer en marcha proxectos de igualdade, de lingua, de comunidade ou de convivencia, que fan do noso centro un lugar mellor no que aprender e compartir. Iniciativas que sempre tiveron e teñen como fío condutor a decidida aposta por unha educación pública e de calidade, cunha participación activa das familias.
Consideramos que a proposta do cambio de nome está nesta mesma liña.
A ANPA é un colectivo diverso e sempre aberto a ideas e debates. Cando chegou a proposta de cambiar o nome ao centro -algo que xa se tentara hai algúns anos-, debateuse e deseñouse un proceso participativo garantista e, sobre todo, extremadamente coidadoso. Somos conscientes do delicado do debate e a dimensión simbólica e emocional que teñen estas cousas. En consecuencia, abriuse un diálogo expansivo, non só á comunidade educativa do centro (crianzas, profesorado, familias), senón tamén a todo o barrio.
Houbo voces que non estaban de acordo. Outras que preferían outras opcións. Todas puideron participar e achegar as súas propostas e opinións.
O proceso levou máis dun ano de debate construtivo e respectuoso. Despois dese tempo, seguindo os trámites marcados pola normativa actual, trasladamos a petición ao consello escolar do centro e tamén nos puxemos en contacto cos distintos grupos políticos para dar a coñecer o proceso seguido e a nosa proposta.
O consello escolar votou a favor e a cousa seguiu o seu trámite até agora. Os detalles de todo o proceso e os argumentos da proposta podedes consultalos aquí.
O resultado da votación deste xoves no pleno municipal non está nas nosas mans, claro. Nós fixemos o que consideramos mellor, para o noso centro e as nosas crianzas: ofrecer un exemplo de como se pode debater de forma construtiva, respectuosa e coidadosa. Agardamos que así fora.