xoves, 15 de setembro de 2022

Comezamos! 2022-2023


Ola familias!

Como sabedes, acaban de ser renovados os cargos da ANPA. Queremos aproveitar esta ocasión para saudarvos neste inicio de curso e, especialmente, animarvos a participar na asociación.

É moi importante que as familias formemos parte da ANPA como unha parte activa da comunidade educativa. Desde a entidade podemos contribuír a facer unha escola mellor para as nosas nenas e nenos, favorecer a organización de actividades e festas ou participar na toma de decisións relevantes para o día a día do centro.

Como  asociarse  á ANPA

Cada setembro cómpre actualizar a nosa listaxe de socias. Pregaríamos que vos inscribades preferiblemente ao longo deste mes de setembro (é necesario facer este trámite todos os anos, aínda que xa estivésedes inscritas o curso anterior). Podedes darvos de alta como asociadas a través do noso blog, https://anpaapostolo.blogspot.com/p/formulario-socias.html ou ben deixando esta FOLLA cuberta na caixa de correo da ANPA (porta principal da escola, onda o local da ANPA).

Ademais temos unha nova proposta de actividades extraescolares: algunhas xa coñecidas doutros anos, pero tamén hai novidades ben interesantes!

ACTVIDADES  EXTRAESCOLARES

Como moitas saberedes xa, un dos cometidos da ANPA no noso colexio é a organización das actividades extraescolares. Esta xestión directa permítenos programar unha oferta axeitada ás demandas das familias. Agradecemos a vosa participación na enquisa, as vosas achegas e suxestións e afirmamos o noso compromiso de manter unha grella de actividades diversa e motivadora.

O horario de extraescolares proposto para o curso 2022/23 é o seguinte:


 

 

INFORMACIÓN XERAL SOBRE AS EXTRAESCOLARES

 -As actividades darán comezo o 3 de outubro.

-Os horarios, para todas elas, serán de 16,30h a 17,30h. Pode existir a posibilidade de crear grupos de 17,30h a 18,30h en función do número de inscricións e da ratio esixida en cada unha delas.

-Na primeira semana de outubro todas as actividades teñen a primeira sesión como proba, para aquelas que se anotan e non están totalmente convencidas.

-A matrícula/cota de socios e socias nas actividades extraescolares cobre os gastos de xestión administrativa das mesmas, así como o seguro das actividades.

-Novidades: co gallo de favorecer a conciliación, a actividade Multixogo poderá contratarse por días soltos avisando antes das 20.00 horas do día anterior, no caso de que haxa prazas dispoñibles. Cada sesión solta terá un custo de 5 euros.

- O PRAZO DE INSCRICIÓN PREFERENTE ás actividades extraescolares remata o 25 de setembro. As/os inscritas/os despois desta data optarán ás prazas que quedaran vacantes.

PAGAMENTOS

-Matrícula ao inicio do curso: 20 euros (só para pagar polas familias non asociadas á ANPA. As familias socias teñen cuberta esta matrícula coa cuota anual de 20€).

-Todas as actividades terán un custo de 15€/mes

-O pagamento das actividades será abonado na primeira semana do mes en curso por transferencia bancaria na conta de La Caixa ES68 0133 6197 4642 0000 1353 indicando no concepto "actividade, mes e nome do cativo ou cativa que a realiza".

BREVE DESCRICIÓN DAS ACTIVIDADES EXTRAESCOLARES 2022-2023

CAPOEIRA (Ana Varela) O Método Brincadeira de Angola ten o obxectivo de desenvolver potencialidades físicas, musicais, sociais e culturais, a través de actividades lúdicas, contribuíndo na formación de crianzas cooperativas, autónomas e conscientes. A metodoloxía é sólida e continuamente mellorada, aliando coñecementos científicos e saberes populares para formar unha verdadeira Pedagoxía de Capoeira-Educación.

MULTIXOGO (Chafarís) Unha actividade lúdica arredor dos xogos de mesa. Xogando trataremos de resolver estraños casos, resolver retos e desafíos, ou viaxar a mundos fantásticos.  Diferentes xogos de mesa lúdico-educativos, orientados a estimular destrezas como a atención, lecto-escritura, cálculo, concentración… Pero todo isto sen deixar a un lado a diversión! Unha actividade a cargo de dous expertos nesta materia: Cristina Neira e Kiko Cociña, da tenda Chafarís. Esta actividade permite a inscrición por sesións soltas (5 euros)

NATACIÓN (Piscina da USC). Todo o alumnado debe ter un mínimo de 6 anos ou cumprilos no 2022. Ten un prezo cuadrimestral de 60 euros (outubro- xaneiro e despois febreiro-maio). A Área de Deportes da USC esixe un rexistro online e a realización obrigatoria da tarxeta universitaria identificativa, así como a presentación do DNI das/os usuarias/os. HAI QUE LEVALOS/AS E RECOLLELOS/AS NA PISCINA UNIVERSITARIA

BALONCESTO (Adrián Dios) Outra actividade deportiva no pavillón, estará a cargo de Adrián Dios, da Agrupación Deportiva de Baloncesto Fontiñas. Adrián é adestrador titulado de 1º nivel con 14 anos de experiencia. En caso de haber suficiente alumnado formaranse dous grupos de idade.

CANTO E PANDEIRETA (Jara Ortiz) A través do canto e da pandeireta achegarémonos ao noso patrimonio cultural, por suposto, pasándoo ben. A profesora será Jara Ortiz, música, cantareira e docente de ampla traxectoria na música tradicional, en formacións como Habelas Hainas.

ARTE, ESPAZO E VOLUME (Ana Vidal) (Actividade para crianzas a partir de 6 anos). A proposta que nos fai Ana Vidal está fundamentalmente relacionada co campo das artes plásticas, aínda que é moi eficaz para a comprensión de moitas outras disciplinas como matemáticas, física, historia, tecnoloxía....

DIVERCIENCIA (Miguel Angel Avilés Pousada) Só para Primaria. Un Obradoiro de ciencia divertida e experimentos. Aprenderemos a fabricar compases caseiros, hologramas e o funcionamiento dos submarinos. Fabricaremos Slime e fluídos non Newtonianos, e moitas cousas máis.

BAILE GALEGO (Claudia Fidalgo) Iníciate no baile tradicional galego da man de Claudia Fidalgo con ampla formación e longa experiencia dando clase a crianzas de todas as idades.

HÓCKEY PATÍNS Actividade impartida polo Hóckey Club Raxoi para nenos e nenas de Educación Infantil e Primaria. O hóckey patíns é un deporte moi dinámico e completo onde os nenos e as nenas desenvolven unha grande coordinación e equilibrio. Procuramos que aprendan a patinar e aos poucos se inicien no noso deporte dun xeito ameno, fomentando a cooperación e o compañeirismo. A actividade estará impartida por Ainhoa García diplomada en Maxisterio e titulada Nivel II de hóckey patíns.

PATINAXE (Patín Oroso) impartido por Alexandre Antelo, adestrador do Club Patín Oroso. Neste curso procuraremos que as nenas e nenos fagan unha iniciación á patinaxe artística.

TEATRO (Miguel Angel Avilés Pousada). Actividades de experimentación sensorial, co espazo, os obxetos e as persoas. Unha actividade para expresarse e desenvolver a imaxinación.

ATLETISMO (Amador Pena) Propóñennos a actividade "Preatletismo”, enfocada a crianzas en idade escolar, a idade ideal para comezar a descubrir e gozar deste magnífico deporte con todos os seus beneficios. Traballo lúdico. O xogo é a mellor maneira non só de aprender, senón de lograr hábitos motrices e adherencia ás actividades deportivas. Convidamos e facilitamos, sempre que así o desexen, a participar en diferentes probas atléticas organizadas dentro da Delegación de Atletismo de Santiago Polivalencia.

CIRCO (Jano Costas) Respectando o ritmo do grupo achegarémonos ao circo. Acrobacias, malabares, teatro cómico equilibrios.... Aprenderemos a coñecer os nosos límites e como superalos. Orientamos a nosa aprendidaxe a fortalecer a psicomotricidade e expresión física.

DESCARGA AQUÍ O FORMULARIO DE INSCRICIÓN