domingo, 10 de maio de 2026
Obradoiro "Cambiemos as regras"
xoves, 30 de abril de 2026
Israel intercepta a Flotilla Global Sumud e secuestra activistas desarmad@s fronte ás costas de Creta, a máis de 600 millas de Gaza e con total impunidade, aos ollos do mundo.
Na noite deste mércores 29 de abril buques da mariña israelí e drones israelís arrodearon buques da Flotilla Global Sumud preto de Creta, pedindo á tripulación que saíse e se axeonllase na parte dianteira dos buques e cortando as comunicacións. Desde a Flotilla, nun comunicado urxente, afirman “isto é pirataría, a captura ilegal de seres humanos en mar aberto preto de Creta, e a constatación de que Israel pode actuar con total impunidade, lonxe das súas propias fronteiras e sen consecuencias (...) Ningún estado ten o dereito de reclamar, patrullar ou ocupar augas internacionais (...) Demandamos inmediatas respostas e responsabilidade por parte dos Estados”.
Nun dos barcos interceptados, o Eros, viaxa Saif Abukeshek, de orixe palestina, e que, pola súa nacionalidade, pode ser executado na Palestina ocupada. Tamén viaxaba na Flotilla, aínda que xa sabemos que está fóra de perigo, a avogada Sandra Garrido, veciña do barrio, amiga, que xa fora na Flotilla en outubro do 2025 e da que podedes escoitar a entrevista no programa da Biblio Vagalume “Voces do Barrio”.
Desde o CEIP da Almáciga pedimos a todas as persoas e colectivos sociais que amosen o seu rexeitamento e fagan presión para as nosas compañeiras volveren sas e salvas, e que sexa recoñecida a impunidade do sionismo como o que é: un perigo para a Humanidade.
Pola liberación de Palestina e de todos os pobos oprimidos.
Todos os ollos na Flotilla. Todos os ollos en Gaza. Todos os ollos en Palestina.
xoves, 26 de marzo de 2026
Mochilas para Gaza
Desde a ANPA do CEIP imos enviar mochilas a Gaza. Para que cheguen a tempo á nova flotilla que partirá o 12 de abril desde Barcelona imos recoller no cole ás mañás o seguinte material: mochilas tamaño das que se usan en primaria, botas, cazadoras e roupas de abrigo, cartas ou debuxos, botellas reutilizables de auga, libros sen palabras, material escolar, xogos sen pilas e sementes de plantas que rápido crecemento (cabaciñas, cogombros, cabazas, tomates cherry...)
martes, 24 de febreiro de 2026
COMUNICADO DA ANPA DO CEIP APÓSTOLO SANTIAGO: sobre o cambio de denominación e o respecto á decisión democrática
Prezadas familias,
Co gallo da votación que se celebrará este xoves no pleno municipal, en relación ao cambio do nome do noso centro, produciuse un considerable ruído mediático e, sobre todo, en redes sociais, pouco amable, por dicilo dalgún xeito...
Nun primeiro momento, desde a directiva da anpa e a comisión de cambio de nome, decidiuse non facer declaracións e remitir ás persoas interesadas ao documento explicativo que está colgado no noso blog.
Porén, como a cousa segue in crescendo, parécenos acaído enviar esta breve nota ás familias do centro. Cabe salientar que a proposta foi aprobada por unanimidade no Consello Escolar o 4 de decembro de 2025.
Como ben sabedes, a nosa ANPA ten unha dilatada traxectoria reivindicativa, da que estamos ben orgullosas. Son moitas as familias que teñen participado activamente nas últimas décadas para o que o cole seguira aberto, para recuperar o conxunto do edificio, para mellorar as instalacións, para ter ratios razonables, para poñer en marcha proxectos de igualdade, de lingua, de comunidade ou de convivencia, que fan do noso centro un lugar mellor no que aprender e compartir. Iniciativas que sempre tiveron e teñen como fío condutor a decidida aposta por unha educación pública e de calidade, cunha participación activa das familias.
Consideramos que a proposta do cambio de nome está nesta mesma liña.
A ANPA é un colectivo diverso e sempre aberto a ideas e debates. Cando chegou a proposta de cambiar o nome ao centro -algo que xa se tentara hai algúns anos-, debateuse e deseñouse un proceso participativo garantista e, sobre todo, extremadamente coidadoso. Somos conscientes do delicado do debate e a dimensión simbólica e emocional que teñen estas cousas. En consecuencia, abriuse un diálogo expansivo, non só á comunidade educativa do centro (crianzas, profesorado, familias), senón tamén a todo o barrio.
Houbo voces que non estaban de acordo. Outras que preferían outras opcións. Todas puideron participar e achegar as súas propostas e opinións.
O proceso levou máis dun ano de debate construtivo e respectuoso. Despois dese tempo, seguindo os trámites marcados pola normativa actual, trasladamos a petición ao consello escolar do centro e tamén nos puxemos en contacto cos distintos grupos políticos para dar a coñecer o proceso seguido e a nosa proposta.
O consello escolar votou a favor e a cousa seguiu o seu trámite até agora. Os detalles de todo o proceso e os argumentos da proposta podedes consultalos aquí.
O resultado da votación deste xoves no pleno municipal non está nas nosas mans, claro. Nós fixemos o que consideramos mellor, para o noso centro e as nosas crianzas: ofrecer un exemplo de como se pode debater de forma construtiva, respectuosa e coidadosa. Agardamos que así fora.
venres, 20 de febreiro de 2026
Sobre o cambio de nome
Clicade na imaxe para descargardes o documento onde explicamos o proceso e as motivacións do cambio de nome.
domingo, 1 de febreiro de 2026
Obradoiros Quérote
Queridas familias... Pronto teremos unha nova formación desde a ANPA! Educación sexual na familia, martes 10 de febreiro e o 3 de marzo, ás 17:00, impartidas por Penélope Alonso. Necesitamos un mínimo de 10 persoas asistentes! Confirmade en anpa.apostolo@gmail.com ANTES DO XOVES 5 DE FEBREIRO!
martes, 9 de decembro de 2025
Lingua de signos
A Comisión de Convivencia da Anpa organiza este curso para aprender a lingua de signos. Non é un curso oficial, senón unha iniciativa de aprendizaxe entre familias.
Grazas á colaboración da familia de Mariña e Carmela imos probar esta aventura emocionante para contribuír a unha escola e comunidade máis inclusiva.
domingo, 9 de novembro de 2025
Seguimos medrando en igualdade!
Retomamos o proxecto Medrando en Igualdade na edición 25/26 promovido pola comisión de igualdade da ANPA e en colaboración coa Coop. Feitoría Verde e co financiamento da Deputación da Coruña.
O curso pasado traballamos nun proceso para conectar ás crianzas co barrio e construír comunidade.
De aí xurdíu un diálogo fermoso entre familias e mulleres do entorno do cole, que son as nosas referentes. Tanto é así, que o centro está traballando nun proxecto de “Escola e Barrio” e desde a revista escolar NASS está a entrevistar persoas do barrio (esta revista está elaborada polas crianzas desde o Proxecto de Biblioteca do Centro e coa colaboración da profe Eva).
Este curso seguimos porque Medrando en Igualdade é un piar fundamental do sentir da nosa ANPA. Seguimos á procura de proporcionar ferramentas á comunidade educativa para crear e mellorar a nosa forma de relacionarnos poñendo o botrato no centro e previr as violencias machistas en todas as súas formas e manifestacións.
O noso desexo último é que as crianzas aprendan a desenvolver o seu pensamento crítico fronte a un modelo machista, inxusto e desigual.
Como?
Retomando o proceso de coeducación e fomento das relacións de bo trato comezado o curso anterior en 5º de primaria, abarca este ano dous grupos: reforzo en 6º de primaria e primeiros pasos en 5º de primaria.
Estas sesións de traballo na aula pretenden mellorar a convivencia a través da educación nas emocións, do acompañamento, a atención e a escoita ás nosas crianzas para que sexan quen de construír vínculos afectivos sans e de procurarlles a capacidade de cuestionar e reverter as desigualdades e violencias machistas existentes na nosa sociedade.






