Na noite deste mércores 29 de abril buques da mariña israelí e drones israelís arrodearon buques da Flotilla Global Sumud preto de Creta, pedindo á tripulación que saíse e se axeonllase na parte dianteira dos buques e cortando as comunicacións. Desde a Flotilla, nun comunicado urxente, afirman “isto é pirataría, a captura ilegal de seres humanos en mar aberto preto de Creta, e a constatación de que Israel pode actuar con total impunidade, lonxe das súas propias fronteiras e sen consecuencias (...) Ningún estado ten o dereito de reclamar, patrullar ou ocupar augas internacionais (...) Demandamos inmediatas respostas e responsabilidade por parte dos Estados”.
Nun dos barcos interceptados, o Eros, viaxa Saif Abukeshek, de orixe palestina, e que, pola súa nacionalidade, pode ser executado na Palestina ocupada. Tamén viaxaba na Flotilla, aínda que xa sabemos que está fóra de perigo, a avogada Sandra Garrido, veciña do barrio, amiga, que xa fora na Flotilla en outubro do 2025 e da que podedes escoitar a entrevista no programa da Biblio Vagalume “Voces do Barrio”.
Desde o CEIP da Almáciga pedimos a todas as persoas e colectivos sociais que amosen o seu rexeitamento e fagan presión para as nosas compañeiras volveren sas e salvas, e que sexa recoñecida a impunidade do sionismo como o que é: un perigo para a Humanidade.
Pola liberación de Palestina e de todos os pobos oprimidos.
Todos os ollos na Flotilla. Todos os ollos en Gaza. Todos os ollos en Palestina.