domingo, 7 de marzo de 2021

Participación: Cabanas Vivas. Crónica en imaxes

 

Queremos comezar esta pequena crónica en imaxes agradecendo a todas as familias, docentes e sobre todo ás nosas nenas e nenos que participaron activamente para facer real este obxectivo colectivo. Foron varios anos de esforzos conxuntos e traballo arreo para que por fin todas as crianzas do CEIP Apóstolo Santiago podan desfrutar das tan desexadas Cabanas Vivas!!!

Mil Grazas!!!



Como moitas sabedes, este proxecto nace hai tres anos dentro do programa de innovación educativa Piteas do que o noso centro formou parte. Piteas implicaba a realización dun proxecto final que no noso cole tivo como obxecto a reorganización do patio en clave inclusiva. A decisión de como facelo, partiu dun proceso participativo no que o alumnado foi protagonista. Fixeron unha diagnose de partida Como está o patio?, unha chuva de ideas Que te gustaría ter no patio? E un proceso de toma decisións.

Imaxinade todo o proceso, as ideas que nenos e nenas entre 3 e 11 anos poden poñer sobre a mesa do que para elas e eles sería un “patio ideal”.

Todas esas ideas tiveron que ser analizadas, valoradas, valorizadas, pensadas e repensadas. Moitas foron desbotadas: por espazo, por criterios económicos, por sostenibilidade... e entre moitas das que ficaron como posibles as “Cabanas Vivas”

Para realizalas contamos co bo facer de dúas mulleres artesás da cestería e do deseño : Julia de la Cal (La Parabólica) e Idoia Cuesta (Idoiacuesta). O alumnado tivo a sorte de participar activamente na elaboración das mesmas, vivindo en primeira persoa todo o proceso de plantación, amarre, e deseño. Os obradoiros tiveron lugar os venres 26 de Febreiro e 5 de Marzo. Tamén todo o noso agradecemento a xente da Casa das Insuas (Rábade) por acollernos e polo apoio material (os vimbios) 




Somos un centro de ensino de titularidade pública con todo o que iso supón: loita permanente coas administracións – con todas-, perda constante de recursos e inversións públicas, claustros exhaustos e sobrecargados e familias que ven como o seu esforzo de participación activa na educación dos seus fillos e fillas tarda moito tempo en dar froitos.

E a pesar de todo, nesta comunidade continuamos crendo no poder transformador dos servizos públicos.

Hoxe podemos dicir alto que as cabanas están plantadas!!!  Mañá.... seguiremos construíndo entre todas a mellor escola posible.

#asdapúblicamolamos #ensinopúblicodecalidade #somoscoledebarrio