Ola a todas!
Dirixímonos a vós para comunicar cal é o estado
actual na xestión das actividades extraescolares da nosa escola.
👉A finais do mes de xuño, coa despedida do curso 2019-2020, a
directiva da ANPA organizamos as actividades, ampliamos e completamos a oferta
de actividades coa intención de continuar en outubro do 2020 a expensas da
evolución da pandemia e coa esperanza de que alguén na administración (educación
e/ou sanidade) tomase a iniciativa de redactar un protocolo específico para
estasactividades.
A día de hoxe aínda o estamos agardando... inxenuas de nós!
👉A mediados do mes de xullo, a Federación de ANPAS Compostela e a
Confederación de ANPAS GALEGAS (entidades das que formamos parte) propuxeron
que as ANPAs federadas non organizasen ningunha das actividades complementarias
que viñan realizando ate o momento: madrugadores, comedor e extraescolares como
medida de presión para que as administracións competentes tomaran parte activa
na prestación deste servizo.
As directivas das ANPAS non temos a capacidade para encarar este
desafío: redacción dun protocolo covid-19, vixiar que se está a cumprir en todo
momento a normativa aplicable nun contexto tan cambiante como o actual e sobre
todo responsabilizarse xuridicamente das problemáticas que podan xurdir. O
pasado día 2 de setembro, nunha xuntanza telemática da Federación de ANPAS
Compostela, nas que participamos máis de 30 entidades de toda a comarca,
mostraron a súa inquedanza para a organización das extraescolares para o presente
curso escolar, xa que debido ás circunstancias actuais derivadas da pandemia,
as directivas non temos a capacidade para afrontar un reto de tal calibre. En
dita xuntanza, lanzouse a proposta de que sexa o Concello quen organice unha
"aula de conciliación" en horario de tarde para facilitar a
conciliación das familias. O martes día 8,representantes da Federación de
ANPAs Compostela tiveron unha xuntanza co alcalde de Santiago de Compostela
para abordar este tema. A decisión sobre a aula de conciliación volveuse a
pospoñer ate finais deste mes de setembro e a día de hoxe, 9 de setembro, non temos
unha decisión clara por parte do Concello con respecto a este tema.
👉Como directiva da ANPA Apóstolo Santiago temos sentimentos
encontrados fronte a esta situación. Entendemos que as extraescolares son unha
marca de identidade da nosa asociación. Este ano fixemos un esforzo por ampliar
e mellorar a oferta, mais entendemos que nas circunstancias actuais non podemos
comezar o curso como tiñamos planeado, xa que non se podería garantir a súa
realización sen afectar á organización do centro e sobre todo coas circunstancias
legais que nos atopamos a día de hoxe.
Por estes motivos, a directiva da ANPA Apóstolo Santiago decidiu
non organizar as actividades extraescolares neste primeiro trimestre.
Lamentamos moito ter que tomar esta decisión que agardamos contribúa a reducir
riscos neste inicio de curso tan atropelado.
👉Esta decisión NON ten carácter definitivo, senón que estará
sometida a un proceso de avaliación continua que nos obrigará a adaptarnos á
realidade cambiante. A nosa vontade segue a ser a de poder ofertar as
actividades extraescolares se a administración muda os seus requisitos, sobre
todo o que ten que ver coa responsabilidade legal.
❗❗A non realización das actividades ten unha repercusión inmediata
na tramitación das bolsas que concede o Concello de Santiago de Compostela para
as actividades extraescolares.
Sentíndoo moito, nas actuais circunstancias, non poderemos
facilitarvos o papel que acredita que as vosas crianzas están matriculadas
nalgunha das actividades extraescolares, xa que de momento, non haberá tales
actividades.
👉A nosa recomendación é que vos dirixades ao seguinte correo
electrónico bolsas.sociais@santiagodecompostela.gal para explicar a vosa problemática
e reclamando unha solución.
A nosa ANPA, e unha grande parte das ANPAS da cidade, xa
presentamos un escrito esixíndolle ao Concello que se implique e comprometa na
organización as actividades extraescolares.
Despedímonos coa vontade de seguir sendo útiles e axudar en todo o que poidamos a que esta situación mellore.
Saúdos afectuosos!
A directiva da ANPA Apóstolo Santiago