venres, 18 de outubro de 2019

Nota Mochilas: Comisión Radon

📣📣Dende a comisión radon da ANPA (creada para colaborar co centro) estamos traballando, xunto co cole, para presionar ás autoridades competentes a que tomen medidas para solucionar o problema do gas radon no centro. ‼️

✅Froito deste traballo é a información que se trasladou ás familias hoxe polas mochilas.

✅Así mesmo, estamos a artellar unha charla informativa aberta a toda a comunidade educativa na que contar con persoas expertas que podan resolver as nosas dúbidas. Se tedes algunha suxestión, só tedes que indicalo

Saúdos
Alicia, Aurora, Iria, Miguel e Diego. Comisión de Traballo-Radon-

📝Contido da nota enviada ás familias asinado conxuntamente polo equipo directivo do centro e a anpa


Dende o centro e dende a Asociación de Nais e Pais do CEIP Apóstolo Santiago queremos dirixirnos ás familias para informar da situación na que se atopa o centro en relación á cuestión do radon e das accións que se están a poñer en marcha.
Entre o 8 de Abril e o 12 de Xullo do presente ano estiveron funcionando en catro puntos do centro medidores de gas radon. Esta medición foi realizada polo Laboratorio de Radon de Galicia co método de medición integrada e seguindo as recomendacións do Consello de Seguridade Nuclear.
A medición fíxose por encargo a conta do centro, ante a ausencia de resposta por parte de Concello e Xunta de Galicia ás reiteradas peticións. Os datos recollidos indican que se superan os niveis máximos permitidos e que, polo tanto, compre actuar.
A día de hoxe, estas son as accións encamiñadas:


  • Posto que é responsabilidade da Xunta de Galicia a realización das obras pertinentes, desde o centro comunicouse á Consellería de Educación os resultados da medición. O pasado 16 de Outubro de 2019, visitaron o centro dúas persoas da Subdirección Xeral de Construcións e Equipamento que se comprometeron a efectuar as investigacións precisas para saber cal podería ser a solución ao problema e a realizar as novas medidas de nivel de gas que permitan ter datos mais esclarecedores.



  • ·   Onte púxose en marcha o protocolo de ventilación proposto polo Laboratorio de Radon de Galicia. Este protocolo consiste en ventilar os espazos do centro antes do inicio das actividades lectivas creando correntes de aire en todas as aulas.




  • ·   En paralelo, estase tamén a organizar unha charla informativa aberta a toda a Comunidade Educativa na que contar con persoas expertas no campo da saúde e a construción. Aínda pendente de confirmar data.
Seguirémosvos informando. Saúdos

Santiago de Compostela a 17 de Outubro de 2019