venres, 13 de setembro de 2019

Extraescolares curso 2019-2020


As actividades extraescolares do CEIP Apóstolo Santiago están organizadas pola propia Asociación de Nais e Pais do centro. Esta autoxestión nos permite axustar a oferta ás demandas e intereses da nosa comunidade educativa, así como garantizar na medida do posible unhas aceptables condicións laborais para o monitorado

As diferentes propostas botarán a andar como en anos anteriores o 1 de outubro de 2019, e rematarán a mediados do mes de xuño de 2020 

As extraescolares están dirixidas á totalidade de alumnado de Infantil e Primaria, agás Natación, que é para maiores de 6 anos

O horario de todas elas é de 16.30 a 17.30. No caso de Xogos de mesa habería ademais a posibilidade de habilitar unha segunda quenda o mércores de 17.30 a 18.30 no caso de que se acade o número mínimo de participantes


Para realizar a matricula en calquera das actividades tedes que cumplimentar o formulario e entregalo  na CAIXA DE CORREO DA ANPA ou na CONSERXERÍA do centro ANTES DO LUNS 23 DE SETEMBRO DE 2019



  • Cada unha das actividades ten un custo de 15 euros por mes. O mes de xuño non se paga como compensación aos festivos do resto do curso.

  • Hai que asociarse á ANPA ou aboar unha matrícula de 20 euros para apuntarse ás actividades extraescolares. 

  • O pago das actividades realízase na primeira semana do mes en curso por transferencia bancaria. 

  • Para poder realizar as actividades precísase un mínimo 10-15 de participantes, que debe manterse ao longo do curso para garantizar o seu desenvolvemento.


As actividades para este curso

MULTIDEPORTE
Actividade de xogo dirixido e deporte no pavillón, a cargo de Starben. Unha hora para que as crianzas queimen enerxía e se familiaricen con diferentes disciplinas deportivas desde un entorno lúdico. *


TEATRO
O teatro como ferramenta para educar en valores, amosándolle ás crianzas novos puntos de vista sobre os demais e sobre o mundo. Un ano máis imparte a actividade Talía Teatro. Desenvolveranse a expresión verbal e corporal mediante o xogo. De haber suficiente alumnado, formaranse dous grupos.


XOGO DE GRUPO
Un tempo para os xogos de toda a vida: desde o pilla-pilla ao brilé. Se o tempo o permite realizaranse no patio e se non, no pavillón. As propias crianzas deben decidir cada día a que queren xogar. Actividade dinamizada por Starben. *

PATINAXE
Un clásico das nosas extraescolares que se realizará no pavillón co mesmo persoal dos últimos anos (Starben)  Unha actividade moi divertida na que se entrenan o equilibrio, a coordinación e a axilidade. 


XOGOS DE MESA
Unha nova actividade para coñecer diferentes xogos de mesa lúdico-educativos, orientados a estimular destrezas como a atención, lecto-escritura, cálculo, concentración.. pero todo elo sen deixar a un lado a diversión! Unha actividade a cargo de dous expertos nesta materia: Cristina Neira e Kiko Cociña, da tenda Chafarís. En caso de haber suficiente demanda formaranse dúas quendas (16.30 e 17.30)

NATACIÓN
HAI QUE LEVALOS E RECOLLELOS NA PISCINA UNIVERSITARIA. Todo o alumnado debe ter un mínimo de 6 anos ou cumprilos no 2019.  Ten un prezo  cuadrimestral de 60 euros (outubro-xaneiro e despois febreiro-maio). A Área de Deportes da USC esixe un rexistro online e a realización obrigatoria da tarxeta universitaria identificativa, así como a presentación do DNI das/os usuarias/os. Infórmate


BALONCESTO
Unha nova actividade deportiva no pavillón. Estará a cargo de Adrián Dios, da Agrupación Deportiva de Baloncesto Fontiñas. Adrián é adestrador titulado de 1º nivel con 14 anos de experiencia.  En caso de haber suficiente alumnado formaranse dous grupos de idade


CANTO E PANDEIRETA
A través do canto e da pandeireta achegarémonos ao noso patrimonio cultural, por suposto, pasándoo ben. A profesora será Jara Ortiz, música, cantareira e docente de ampla traxectoria na música tradicional, en formacións como Habelas Hainas.


* As crianzas que estén matriculadas nalgunha actividade poden asistir de maneira puntual a Multideporte (luns) e Xogo de Grupo (martes) cun custe de 5 euros/sesión, anotándose o día anterior no correo extraescolaresanpaapostolo@gmail.com .